segunda-feira, 17 de fevereiro de 2014



APLICACIÓN DE DIRECTIVA EUROPEA SOBRE HIPOTECAS E DACIÓN EN PAGO.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

1.- O Parlamento Europeo e a Comisión Europea veñen de dar recentemente a súa aprobación final á Directiva da Unión Europea sobre contratos de crédito para bens inmobles de uso residencial.


A devandita directiva aplicaráse aos contratos de crédito garantidos por unha hipoteca ou por outra garantía comparable utilizada nun Estado membro, así como aos contratos cuxa finalidade sexa adquirir ou conservar dereitos de propiedade sobre terreos ou edificios. As novas regras adaptaránse aos distintos mercados hipotecarios dos Estados membros, aínda que a información ao consumidor terá que presentarse nun formato homoxéneo en toda a UE.

Entre as medidas que se acordaron están as relativas a :
  • un período obrigatorio de reflexión de sete días antes de asinar un contrato hipotecario, ou ben do mesmo período de sete días para retractarse trala sinatura, segundo o decida cada país.
  • demoras en relación cos desafiuzamentos coa esixencia de facilitar a dación en pago e evitando o sobre-endebedamento a longo prazo.
  • flexibilidade na amortización da débeda
  • medidas relativas aos préstamos irresponsables, de prohibición de condicionamentos dos préstamos e de garantías na taxación dos inmobles.

A UE da un prazo de dous anos para que os estados membros traspoñan a directiva á súa lexislación.

2.- A Directiva non supón, nin moito menos, unha solución definitiva á problemática existente dos desfiuzamentos nin ás desiguais condicións dun mercado hipotecario favorecedor das entidades financieiras e en manifesto prexuizo da cidadanía.
En calquera caso, sí supón un avance potencialmente significativo respecto da normativa vixente española, en especial respecto da dación en pago, dos procesos de desfiuzamento e das condicións e garantías dos préstamos hipotecarios. Avance que debe consolidarse e materializarse con ocasión da transposición efectiva da Directiva, modificando e, no seu caso, derrogando a normativa actualmente vixente na materia. É por todo isto que propoñemos para a súa aprobación o SEGUINTE:





O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar insta ao Goberno da Xunta de Galicia e ao proprio Goberno do Estado a:
1.- Á inmediata transposición da Directiva europea sobre contratos de crédito para bens inmobles de uso residencial.
2.- En aplicación e desenvolvemento da mencionada Directiva, á modificación da lexislación hipotecaria e de regulación do mercado hipotecario, de enxuizamento civil, de subrogación e modificación de préstamos hipotecarios, coa finalidade de ampliar os supostos de dación en pago e de maiores garantías e defensa nos procesos de desafiuzamento, de limitación aos custos hipotecarios e, en xeral, de implantación de medidas efectivas de protección e defensa da cidadanía consumidora de ditos contrato de crédito.
3.- Dar traslado do presente acordo á Xunta de Galicia e á Mesa do Parlamento Galego; así como ao Goberno do Estado e a Mesa do Congreso dos Deputados.

Sem comentários:

Enviar um comentário