sábado, 14 de setembro de 2013

Anova proponlles ás forzas nacionalistas e de esquerdas unha fronte ampla para a ruptura democrática nas eleccións europeas

A Coordinadora Nacional de Anova, reunida en Teo o 14 de setembro de 2013, acorda pular por unha fórmula de fronte ampla non excluínte para as eleccións europeas.
As vindeiras eleccións europeas poderiamos abordalas como unhas eleccións máis para representar a Galiza no Parlamento Europeo, mais Anova debe apostar por convertelas nun plebiscito do réxime ou, polo menos, nun ensaio xeral da creba democrática.
Por iso, Anova acorda:
1. Facer un chamamento a todas as forzas políticas galegas nacionalistas e da esquerda rupturista, aos movementos cívicos, para dialogar e conformar un acordo de unidade de acción electoral para as eleccións europeas baixo a fórmula dunha fronte ampla non excluínte.
2. Facer un chamamento ás organización políticas, e tamén ás plataformas e organizacións cívicas das outras nacións, para que baixo o principio do máximo respecto á autoorganización de cada unha delas, constitúan o seu suxeito político plural disposto a partillar connosco nunha coalición electoral que teña como propósito común a loita pola fin do réxime, a ruptura democrática e a democracia real.
 Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova, fixo a proposta de frente ampla para as eleccións europeas, unha alianza de todas as forzas rupturistas a nivel do Estado con dous eixos: o dereito de autodeterminación das nacións e a creba do réxime da segunda restauración borbónica.
Cómpren novas alternativas políticas, unha nova ferramenta dos e das nacionalistas galegas para intervir e incidir no proceso de fin de réxime cara a un novo ciclo político propiciado polo activismo da cidadanía. Isto é algo polo que en ANOVA andamos a traballar. Hai un ano fixemos unha proposta para este tipo de Fronte Ampla non excluínte, que para ese momento e instancia específica foi AGE.
A crise económica derivada da crise financeira e agravada pola xestión que daquela está a facer a plutocracia e os seus monecos; a crise da UE secuestrada por institucións "tecnocráticas"; a posibilidade da fin da segunda restauración borbónica pola crise do réxime nacido da transición, e os efectos que todo iso ten nas institucións autonómicas cada volta máis inservíbeis para a cidadanía galega, reclaman que traballemos combinadamente en todos eses ámbitos.
A aposta do nacionalismo, da esquerda e de calquera demócrata ten que ser por unha creba democrática coa segunda restauración borbónica, nun proceso protagonizado pola cidadanía e trasladado á instancia política polas forzas rupturistas que realmente conecten con esa cidadanía.
Na nación galega, un proceso constituínte impulsado polos cidadáns e cidadás galegas, pobo soberano, e trasladado á instancia política polo nacionalismo e por aquelas forzas que, sen seren nacionalistas, respecten o noso dereito á autodeterminación e o practiquen.
No noso país, para a conformación do suxeito político plural, ANOVA propón de novo a unidade de acción do nacionalismo e da esquerda baixo a fórmula da fronte ampla non excluínte co obxectivo de rematar coa segunda restauración e abrir paso a un proceso constituínte galego no que a soberanía nacional se exerza polo pobo, soberanía popular.
No estado. Hai que conxugar nese escenario un proceso aberto para as catro nacións (Galiza, Euskalerria, os Paisos Cataláns e España en sentido estricto).
Precisamos alianzas coas forzas cívicas e sociais, hai que conectar coa cidadanía e propiciar unha alianza coas forzas políticas rupturistas, para provocar un proceso constituínte (catro en puridade) que pasaría por unhas eleccións non ordinarias senón por unhas de fin de réxime.
A coincidencia das crises do réxime, da autonomía galega e económica abre a posibilidade dunha grande fronte ampla non excluínte pola ruptura democrática, conformada a partir  de suxeitos cívico-políticos plurais nas nacións que forman o Estado español, coa única condición de que a fin do réxime político dea paso a procesos constituíntes soberanos en cada unha delas.
As próximas eleccións europeas poderiamos abordalas como unhas eleccións máis para representar a Galiza no Parlamento Europeo, mais ANOVA debe apostar por convertelas nun plebiscito do réxime ou ao menos nun ensaio xeral dunha eleccións para a ruptura democrática.

sexta-feira, 6 de setembro de 2013

Sobre os incendios forestais

1
Galiza ten o 7,7 % da superficie forestal do Estado e ocorren o 45% dos incendios. O factor diferencial evidentemente non é o número de incendiarios. Ten causas estruturais evidentes como afirman todos os expertos. Ausencia de ordenación do territorio, desertización do rural, aposta por un modelo baseado na trituración de madeira de baixa calidade, baixo valor e por tanto baixa rendibilidade do monte, etc.

2
O PP que gobernou 27 de 32 anos de autonomía, é o principal responsable da situación do rural e do monte galego. A ausencia de políticas de viabilización do rural do PP son as principais causantes da lacra do lume.

No 1992 apróbase un Plan contra incendios, consensuado por todas as forzas do Parlamento, para desenvolver unha política integral do monte que tivera en conta todos os obxectivos antes expostos para mudar as condicións estruturais que causaban os lumes e que impedían a explotación rendíbel do monte.

A consecución destes obxectivos debería de ser que cada vez se gastase menos en extinción e máis en prevención. Pois ben, sucede ao contrario: a única política do PP é a extinción, a manipulación, e a mentira. O único argumento é que a culpa é dos incendiarios, tratando de desviar a atención da súa ineptitude. ”Cómo si un ministro de Interior lle bota a culpa do aumento da delincuencia aos delincuentes”.

3
 Aínda así, e a pesar de que todos os anos se gastan unha media de 90-100 millóns de euros en loita contra incendios, o operativo é cada vez menos profesional, menos eficiente, menos coordinados, e voltamos ao sistema caciquil de contratación nos concellos.

Ate 11 entidades/organismos/empresas diferentes poden actuar nun lume. Seaga,funcionarios Xunta, Tragsa, brigadas municipais, UME, Protección civil, bombeiros públicos, privados, etc...Éste ano non se realizaron practicamente traballos de prevención xa que os que o tiñan que facer foron contratados na súa maioría en Agosto.

Feijoo, Rosa Quintana, son uns sinvergoñas (saben que o que din é mentira), mentireiros (trucan os datos) e manipuladores (queren por o foco só en quen prende o lume) cando fan eses discursos triunfalistas. Non asumen a súa responsabilidade nos lumes, cando estando na oposición tiveron un comportamento “canalla” na utilización dos lumes como arma partidaria ( lembremos a famosa foto da mangueira).

4
ANOVA manifesta que so cun cambio profundo nas políticas do rural terá solución a lacra dos lumes. Revitalizar o rural evitando a desertización, ordenar o territorio, encamiñar o modelo cara un monte cunha funcionalidade múltiple, e cara a explotación de madeira de alto valor engadido. Se o monte deixa de ser un problema para ser percibido pola poboación do rural como unha oportunidade, mellorará substancialmente a situación (as zonas onde o monte é rendíbel arden menos ou non arden).

Incrementar o esforzo en prevención (un exemplo do que non se debe de facer é retirar as subvencións ás razas autóctonas que serven para pastorear no monte) e promover a educación ambiental na poboación e camiñar cara un modelo de extinción profisionalizado e simplificado, evitando a multiplicidade de entes.

Galiza 2 de setembro de 2013