quinta-feira, 23 de maio de 2013

Contratación no Concello

No departamento de Vías e Obras do Concello de Gondomar actualmente traballan: Un capataz, dous palistas, un oficial de 1ª, un peón especialista, un conductor de camión, un axudante de servizos varios e un peón-axudante de servizos varios. 
Prazas vacantes neste servizo dende a Relación de Postos de Traballo (aprobada definitivamente o 30/12/2006: 1 oficial de 1ª, un conductor, un oficial de 2ª e tres peóns-axudantes. 
Neste departamento existe unha pala e un tractor desbrozador que son, ou deberían ser, manexados polos dous palistas da plantilla municipal.

Por causas que se descoñecen dende hai dez días (10/05/2013) o tractor esta sendo usado por unha persoa allea ao Concello de Gondomar, en labores de desbroce de camiños públicos, causando estupor e asombro entre os empregados municipais. O seu horario é de mañán pero hai días que tamén traballa pola tarde. Que se sepa non hai asinado a día de hoxe ningún contrato menor ou calquera outro para este cometido. Por que o uso dunha persoa allea ao Concello para a utilización de maquinaria municipal? Por qué non se promociona, de ser necesario, a algún dos traballadores de Vías e Obras para o uso do tractor? Xa que non hai ningún impedimento por titulación e requisitos para facelo e suporía un recoñecemento á valía do persoal que traballa nese departamento, ademais dun aforro para o Concello. Como é posible que unha persoa allea á administración pública estea ocupando un posto de traballo obviando os criterios de acceso de mérito, igualdade e capacidade? Que pasará se se produce un accidente? Quen responderá do dano causado? É consciente o Sr.Alcalde da responsabilidade que incorre e da que responsabilidade patrimonial que incorre a Administración municipal polo seu desatino? Cal son os criterios usados, se é que existen, para a contratación desta persoa, cal é a súa modalidade contractual ou de servizos, se é que existe, e para que foi contratado ? Por que non se utiliza ao persoal do Concello? É esta a medida da eficacia, eficiencia e control do gasto do Sr.Gutián.? “Contratar” fora o que poderían realizar os propios empregados municipais?

Velaiqui a verdadeira cara do Goberno do Sr. Gutian e do Partido Popular, privatizar os servizos do Concello, mentres se da de lado aos empregados municipais. Velaiqui a verdadeira razón do incremento de máis de 1 millón de euros no Capitulo 2 (Gastos correntes e Servizos) do último orzamento aprobado e prorrogado en 2013, mentres se rebaixaba a contía no capítulo 1 (Persoal).

Non se trata de aforrar, senón de gastar máis privatizando co mantra da crise e coa desculpa do control do gasto na administración pública. Dende o grupo municipal nacionalista pedímoslle ao señor Alcalde de Gondomar públicas explicacións deste proceder. So faltaría que o Goberno municipal de Gondomar estea contratando “en negro”.

segunda-feira, 20 de maio de 2013

Fosa Sética no Centro da Vila

QUE O ALCALDE, O GOBERNO MUNICIPAL E AUGAS DE GALICIA EXPLIQUEN O DA “FOSA SEPTICA” NO CENTRO DA VILA DE GONDOMAR.

As obras relacionadas coa rede de saneamento de Gondomar que Augas de Galicia está levando a cabo, prácticamente no centro da Vila, por un importe de 3,5 millóns de euros, son o resultado da mala execución dun proxecto de saneamento, deficitario, e feitas polo mesmo organismo nos anos 97-98, e que xa naquela altura algúns denunciaramos. Agora este remendo vai custarlle ás arcas públicas case a metade do que se investiu naquela primeira fase, incluida a construcción da depuradora.

A preocupación dos veciños dos bloques de vivendas situados a menos de 40 metros da grande “fosa séptica”, queixanse con razón da falla de explicacións do Goberno Municipal e de Augas de Galicia, e por se isto non fose abondo, o alcalde de Gondomar todo o que lle ten que dicir a estas persoas preocupadas é “que non hai que preocuparse”. Os veciños e veciñas dos edificios lindantes fanse preguntas tan básicas como: vai haber filtracións nos seus garaxes?, vai producir ruidos o sistema de bombeo?, vai cheirar mal? , que vai pasar cando veñan as riadas?, e cando limpen o depósito ou as bombas se avaríen?, era ese o lugar máis axeitado para a súa ubicación?...

Dende o grupo de concelleir@s nacionalistas de ANOVA na Corporación Municipal, a maiores destas preguntas que se fai a veciñanza, tamén queremos saber quen se vai facer cargo do mantemento deste depósito, do sistema bombeo e do consumo eléctrico que sen dúbida será elevado. Asemade, emprazamos públicamente ao Alcalde, Goberno Municipal do PP e a Augas de Galiza a dar todo tipo de explicacións sobre as obras deste macro pozo negro no centro da Vila, comezando polos veciñ@s afectados, explicación que vai ter que dar no vindeiro pleno ordinario.

Con data 16/05/2013, foi presentada polo noso grupo no Rexistro Municipal a petición de acceso ao expediente destas obras, pois a súa tramitación ofrécenos dúbidas razoables a respecto de cómo foi levada. A maiores, queremos saber cal foi a opinión do Concello sobre esta obra ou, que din os informes dos técnicos municipais sobre a súa ubicación, etc.

Por último, se as repostas do Goberno Municipal non son claras e rápidas, levaremos o asunto ao Parlamento Galego (a través do Grupo Parlamentar de AGE) para que sexa a propia a Xunta de Galicia e Augas de Galicia quen dean as explicacións oportunas.