quarta-feira, 5 de junho de 2013

Goberno Municipal de Gondomar: Dous anos perdidos!

O pasado 22 de maio cumpríronse dous anos do actual mandato municipal. Un tempo de cortesía abondo polo que agora cómpre facer a valoración pública do actual goberno local. Comezaremos por definir a coalición de goberno formada polo PP-CDL. Trátase dunha unión temporal de intereses entre as diferentes familias do PP á que agora hai que lle sumar unha nova peza: o disidente Eladio Costas. Entre eles sempre se entenden e o demais son foguetes de artificio para despistar. Pois ben, a nosa valoración non vai ser diferente á que fai a cidadanía na rúa: desgoberno, desleixo, cobro de dedicacións exclusivas e nula xestión municipal.

Se temos en conta que os orzamentos son a ferramenta básica de calquera goberno e a expresión cifrada das súas intencións e obxectivos, e como no caso de Gondomar levamos cos orzamentos de 2011 prorrogados, temos que concluir que os obxectivos do actual goberno municipal para mellorar as condicións de vida da veciñanza son nulos. Co agravante de que a concelleira de economía e facenda cobra unha xenerosa dedicación exclusiva por non facer o seu traballo en tempo e forma. A maiores temos gastos e contratos sen control, a Conta Xeral sen aprobar e como consecuencia a perda de máis de un millón de euros en subvecións nestes dous anos, a suba sen medida do IBI, etc, etc.

No urbanismo a paralise é evidente. Nesta área tamén hai concelleiro con dedicación exclusiva e mentres, no canto de dar licenzas, revisan as concedidas para seren anuladas. Os núcleos do ano 1991 “revividos” e que seica ían ser a panacea, non resolveron nada como era evidente. Do novo PXOM o único que sabemos é que o goberno municipal non quere o consenso con ningúen, e menos escoitar ás organización veciñais e sociais de Gondomar. A día de hoxe o novo PXOM xa leva nove anos de paralise dende a anulación do de 1997 polo T.S. en 2005. E todo polo uso partidario e electoralista que o PP fixo sempre deste documento imprescindible para a ordenación do territorio muncipal.

Na concellaría de obras, máis do mesmo. Como non hai cartos nin capacidade política para xestionar recursos noutras administración, dedícanse ao “menudeo” que ten máis que ver co clientelismo que cunha programación sistematizada de melloras nas infraestrutras. Coma mostra un botón: faltoulles facer repinicar as campás porque o Goberno Muncipal deu arranxado 80 pozos de rexistro de sumidoiros. Inaúdito, o mantemento diario elevado á categoría de grandes obras.

Ca concellaría de medio ambiente, GESECO segue mandando na recollida de RSU e o Concello pagando relixiosamente os sobrecustes que a concesionaria quere. Sen melloras no servizo e porriba coa concesión que tiña que estar rematada hai tres anos. Iso si, malia estar sen regularizar o servizo, o PP aprobou cobrar o recibo do lixo.

En resumo, Gondomar ten un goberno municipal e un alcalde incapaces de dialogar coa sociedade á quen se debe. De planificar o futuro do noso Concello, aínda que sexa para estarnos preparad@s cando a situación mellore ou, de xestionar diante das diferentes Administracións (por certo, todas do PP) para rematar obras e proxectos que outros puxemos en marcha con moito esforzo: a urbanización e ordenación do Polígono Industrial da Pasaxe, a construcción do Paseo Fluvial pola beira do R. Miñor, ou novo Centro de Saude.

Nada disto lle importa ao PP de Gondomar encerellado nas súas leas internas mentres @s contribuintes mantemos un goberno municipal ineficaz e onde cobran SEIS de NOVE. U-lo a promesa de xestión empresarial que prometerá o Sr. Alcalde cando a súa toma de posesión?. De ser isto posible a día de hoxe estarían todos ele@s despedidos ou, como mínimo cun ERE de extinción en tramitación.