segunda-feira, 28 de janeiro de 2013

O PXOM de Gondomar ábrese aos Movementos Cidadáns

Despois da entrega dunha copia do PXOM aos grupos da corporación por parte do goberno municipal; despois de que o Grupo Municipal Nacionalista e ANOVA o fixésemos público na nosa web (con máis de 2.500 entradas) e que llelo entregaramos a todas as entidades veciñais, cívicas, culturais, etc, do Concello por entender que os partidos políticos non debemos ter máis privilexios que o resto dos cidadáns; e despois de reclamar publicamente máis participación e transparencia na súa elaboración, na rolda de reunións que o Goberno Municipal está mantendo cos grupos municipais para falar do novo PXOM, conseguimos dende o noso grupo o compromiso do Alcalde de abrir un período de tempo para formalizar achegas e suxestións ao novo PXOM, aberto a todas as entidades cívicas, culturais, ecoloxistas, veciñais que desenvolven o seu traballo en Gondomar, así como á Entidade Local Menor de Morgadáns, e obviamente ao foro da Axenda 21 .

O devandito periódo non sería nunca inferior a dous meses estando agora nas mans do goberno municipal o iniciar canto antes os contatos coas entidades para informalas dos diferentes aspectos recollidos no PXOM, explicarlle a dinámica da tramitación do mesmo, e sobre todo atender e recoller ás súas suxestións ou propostas. Para nós este exercicio de transparencia e participación é básico para comezar a falar cun mínimo de consenso do PXOM que Gondomar precisa. O modelo urbanístico resultante deste proceso, ou é asumido coma propio pola maioría dos cidadáns e cidadás, ou simplemente non terá futuro. A pelota está agora no tellado do PP, e polo tanto o resultado vai depender da vontade política do goberno municipal.

Na xuntanza de hoxe tamén se falou dos diferentes aspectos recollidos no PXOM encanto ao modelo urbanístico que se propón no mesmo. Pois ben, dende o Grupo Nacionalista deixámoslle moi claro ao Goberno Muncipal a nosa profunda discrepancia co modelo proposto, ou se cadra teríamos que falar da carencia de modelo, pois máis ben parece un PXOM para sair do paso que para resolver as graves carencias que Gondomar ten en materia de ordenación territorial. Exemplo disto son uns núcleos rurais reducidos en exceso e máis alá do recollido pola Lei do Solo sen aparente explicación e que deixan fóra dos mesmos a dúcias de vivendas.

Un modelo “dasarrollista” para Vila de Gondomar: inviable economicamente, de imposible xestión e que ignora os ríos que nos abrazan, no canto de telos en conta coma eixos vertebradores dun espazo urbano atractivo e que sexa punto de encontro, espazo de lecer, para os negocios, etc. Unhas ordenazas pouco traballadas e nalgúns casos ambiguas. Os lindeiros entre Gondomar e outros concellos están sen definir con claridade, deixando fóra do termo municipal a moitas vivendas, barrios, propiedades, camiños, etc. Ou deixar sen protección específica espazos naturais de grande biodiversidade como son as Fragas de Oliveira e de Pegonegro.

En todo caso o debate urbanístico queda aberto. Agora dependerá dos representantes públicos, dos axentes sociais, das entidades cívicas, e da veciñanza en xeral, que o modelo escollido e aprobado sexa o mellor para Gondomar.

segunda-feira, 14 de janeiro de 2013

PREFERENTES: A Solución está no tellado do Goberno do PP

Recentemente os medios de comunicación informaron da reunión que mantiveron os alcaldes do PP de Pontevedra co Presidente Provincial do partido Rafael Louzán para tratar da problemática das preferentes nos respectivos concellos.

Pois ben, desa xuntanza o único que transcendeu á opinión pública foi que os alcaldes teñen intención de poñerse ao frente das mobilizacións que os afectados decidan levar adiante. Que cara dura!!! A estas alturas do conflicto e despois dos múltiples pronunciamentos de diferentes institucións e incluso de organismos europeos ao respecto, xa ninguén dubida de que a solución a esta estafa masiva é política, e que polo tanto pasa por unha decisión do Goberno do Estado, do Banco de España e, obviamente pola implicación real do Goberno da Xunta de Galicia e do Sr. Feijoo.

Que agora os alcades do PP queiran aparacer coma os defensores e os salvadores das persoas estafadas pola venda fraudulenta de preferentes, subordinadas, etc, cando eles forman parte do entramado de poder dun partido que protexe sen pudor á banca e aos banqueiros, cando menos resulta unha burla e un sarcasmo intolerable. Se realmente queren apoiar a estas persoas enganadas, moitas delas votantes do PP, que abandonen en masa a militancia do PP e que retiren os cartos dos seus concellos das entidades estafadoras. Quizais con medidas deste tipo o aparato do PP: o Sr. Louzán, o Sr. Feijoo e o Sr. Rajoy se puxeran a resolver definitivamente este grave problema.

Como nós dubidamos da vontade política do PP para resolver este asunto de xeito favorábel ás persoas estafadas, e como sospeitamos que unha vez máis estamos diante dun inmenso paripé, no Pleno da Corporación Municipal de Gondomar do vindeiro 15 de xaneiro, ímoslle pedir explicacións do tratado e acordado nesa xuntanza ao Sr. Alcalde: que falaron, que acordos tomaron e que medidas van tomar para presionar no Goberno e que resolva o problema definitivamente.